CAOS NA XESTIÓN DA PANDEMIA NOS CENTROS DE ENSINO

Dende a Confederación Anpas Galegas queremos denunciar, a petición de
numerosas anpas, o terrible descontrol na xestión de casos confirmados de Covid-19,
sospeitosos e casos compatibles.
Temos un novo protocolo do 5 de novembro no que, supoñemos, ata as máis
avezadas se perden nas siglas e no procedemento burocrático. Isto sería o único que
puidera explicar o caos nos centros de ensino e a inseguridade provocada nas
familias.
Realmente é tan complicado o traballo coordinado entre a Consellería de Sanidade e
a de Cultura, Educación e Universidade? Vostedes danse de conta do que están a
provocar? E non falamos só da inseguridade e preocupación, máis que xustificada,
das familias, están a provocar situacións moi perigosas para o alumnado e as súas
familias.
Somos conscientes de que a Consellería de Educación está a traballar arreo para
sacar protocolos, normas, instrucións, plans de continxencia… pero toda esta
inesgotábel listaxe, se non hai un mínimo de organización non serve para nada.
Como é posíbel que nunha aula dea positivo unha docente e non se fagan as probas
ao alumnado desa aula e nin sequera se lles confine? Iso está a pasar no colexio
Rosalía de Castro de Lugo; ou que unha colaboradora do comedor escolar do CEIP
Vista Alegre de Burela dea positivo e non se fagan probas nin se confinen nin ás
compañeiras desa traballadora nin as persoas usuarias do comedor que,
recordemos, comen sen máscara? Ou que os rastrexadores tarden máis dunha
semana en poñerse en contacto co alumnado confinado para facer a PCR ou o
seguimento? Ou o caso, aínda máis absurdo de chamar a alumnado non confinado
(que deberan estalo) para dicirlles que podían saír do confinamento? Estamos
xogando a un xogo moi perigoso.
Estamos vendo que existe unha disparidade de criterios e de coherencia nas
medidas adoptadas. Temos casos cun positivo e aula pechada e outros cun positivo
só hai unha ou dúas persoas en corentena; casos nos que se fan PCR rapidamente;
outros tardan días e outros non se fan; número de días de corentena moi desigual;
etc.
Ademais, consideramos un despropósito a incorporación na última actualización de
obrigar tanto a alumnado como profesorado convivinte con caso sospeitoso ou con
síntomas compatibles a acudir ao centro mentres non se confirme o positivo, en caso
de selo, contradicindo ás indicacións que tanto Ministerio como propia Xunta fai para
a poboación xeral.
Por suposto que o que máis importa neste momento é a seguridade para o alumnado
que non deixamos de esixir nin nun só momento... pero que está pasando e que vai
pasar coa parte educativa? Onde están os famosos “plans de continxencia” que xa
se mencionaban nas instrucións do 30 de xullo e aínda non aparecen? O ensino
virtual para todo o alumnado, que agora mesmo está en corentena e/ou, que
lamentablemente estará, segue sendo unha utopía.
Animamos ás familias a estar pendentes do correcto seguimento dos protocolos e a
denunciar ante Inspección Educativa todas as irregularidades que se están a dar.
Esiximos a esta Consellería que procure a precisa coordinación coa Consellería
de Sanidade para evitar estas situacións de caos que están a provocar na
xestión de positivos da Covid-19.