LIBROS DAS APAs

Os libros das AMPAs

Os libros dunha APA son moi importantes, porque reflicten a nosa xestión. Deberán estar a disposición dos pais e nais na Asemblea. Ao final do noso mandato na xunta directiva, e caso de non seguir, debemos entregalos á nova xunta directiva.

Libro de Actas

As actas son responsabilidade do secretario/a, que asina co V º Bº do Presidente/a. Lense e aproban na reunión seguinte, procedéndose á súa firma. Levántase acta de todas as Asembleas. Levántase acta, cos acordos, das reunións de xunta directiva.

Que hai que indicar?

. Data e hora, lugar de celebración, número de asistentes (Asemblea) ou nome dos asistentes (xunta directiva), orde do día, temas tratados, acordos tomados en cada punto e hora de finalización.

. Débese resumir o tratado, sen poñer -exactamente- o que manifesta cada un, salvo alguén queira que conste, expresamente, a súa intervención, para iso teno que solicitar.

As correccións ou modificacións da acta incorporaranse á acta aprobada.

Ao comezar un novo libro de actas, realízase a seguinte dilixencia por parte do secretario/a:

Dilixencia: este libro de actas contén........ paxinas útiles para a realización de actas da Asociación de Pais...................................................., e para que así conste asínao o secretario/á data...........................

Libro de Socios

É un listado de socios da APA no que se anota, de forma numerada, o nome, tanto do pai, coma da nai e cotas pagadas (unha cota por familia). Poden tamén figurar a dirección e o teléfono, aínda que non é imprescindible.

Pódese encher cada ano ou utilizar a mesma lista, especificando altas e baixas ao lado de cada nome. O responsable do libro de socios é o secretario/a.

Libro de Contas

Nel, figuran os ingresos e gastos da APA, así como o saldo anual que se presenta á Asemblea. O tesoureiro é o responsable do Libro e asina cada exercicio co V º Bº do presidente. Cando cambia a xunta directiva, faise unha dilixencia con data de entrega do libro por parte do novo presidente e tesoureiro.

Os documentos e libros da APA deben gardarse no centro educativo ao que pertence, que é o seu domicilio social. Caso de que a AMPA non teña local propio, haberá que habilitar un armario no centro, con chave, para depositar os documentos. É conveniente tamén que cada AMPA teña un arquivo onde gardar a lexislación e outros documentos. Estes poden revisarse e eliminarse ano a ano, a excepción daqueles que sigan vixentes e que serán ferramentas de consulta obrigada para o bo funcionamento da AMPA e dos Conselleiros Escolares.